Recomendo 3ºESO



Benvidos a tod@s!!! Xa estamos de volta no cole e temos por diante todo un curso que espero que sexa moi interesante. De nós depende!!!


Estas son as lecturas que podedes escoller para realizar o voso book tráiler:


Sempre vai frío na estación de autobuses. Aquel frío que xea a Amanda, a rapaza de dezanove anos que traballa de limpadora, que todas as noites lle conta a Ánxela, a súa filla dun ano, todo o que alí lle aconteceu. Aquel frío que persegue a Uxío, o rapaz louro, que pasa camiño do adestramento, desacougado tras a perda da moza e o divorcio dos seus pais. Aquel frío que atenaza a Luís, o home do paraugas, o profesor de instituto, afundido na soidade, que agarda polo seu autobús. As vidas dos tres cruzaranse cando Amanda teña que limpar unha pintada nunha das plataformas de chegadas: «WHEN WILL THOSE CLOUDS ALL DISAPPEAR?».


O pintor do sombreiro de malvas cóntanos a historia dun adolescente que é enviado pola súa nai dende París a pasar cunha tía unha boa tempada na vila de Auvers. Durante aqueles días do verán de 1890, coñecerá a Vincent, un pintor que semella beberse a vida con cada violenta pincelada sobre o lenzo e do que durante sesenta e nove días se fará inseparable, acompañándoo no seu deambular polos trigais e na súa infatigable loita contra os convencionalismos da vida provinciana. Mais o mozo tamén descubrirá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e se enfrontará por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda.



N' O ceo dos afogados todos os golfiños do mundo reúnense en doce lugares  e sofren simultaneamente un repentino afogamento. Para entender e solucionar a situación, entran en xogo os científicos do mundo e un rapaz especial.
A temática científica parece que é un enfrontamento entre a química (ciencia do mal) e a zooloxía (ciencia do ben). En todo caso é unha oportunidade para a reflexión sobre que é o que estamos a facer co planeta.







Esta historia iníciase cando, a través dunha nota necrolóxica nun xornal, Auria descobre unha terrible e misteriosa razón que a empuxa ao suicidio. Por medio de Merche, o diario de Auria, e dun narrador revivimos unha viaxe por Europa. O presente e o pasado avanzan paralelos. Os capítulos do pasado van dando claves para descifrar a situación actual. O descubrimento do amor, o sexo, o aborto, a amizade, os estudios, as relacións familiares... xorden dese fío argumental que resulta ser a viaxe.

Un equipo de guionistas –tres mulleres e dous homes– recibe a encarga de escribir os guións dunha futura serie de televisión que se titulará As fronteiras do medo. Para concentrarse no traballo, acordan recluírse nun hostal solitario, nas terras da Fonsagrada. É inverno, no hostal só viven o matrimonio que o rexenta e mais outros tres hóspedes. Ao terceiro día, comeza a nevar. Unha tormenta que semella non rematar nunca, que interrompe as comunicacións e o fluído eléctrico, e que os deixa illados do mundo. Mentres traballan nas historias da serie irán descubrindo que naquel hostal ninguén é quen aparenta ser e que un medo irrefreable comeza a filtrarse nas súas vidas. A neve interminable é unha novela onde o misterio ocupa un lugar central. Nela explóranse os medos esenciais do ser humano e tamén aqueloutros orixinados pola desorde mundial deste século XXI. Un libro esencial na obra de Agustín Fernández Paz que vinte anos despois dialoga con Cartas de inverno.











No hay comentarios:

Publicar un comentario